San Cristovo das Viñas – Feáns – Mesoiro
Dentro da iniciativa A Cidade dos Barrios, impulsada pola delegación da Coruña do COAG e dirixida polo estudio mmasa, os integrantes do colectivo desescribir diriximos o 4º dos obradoiros no que traballaremos dentro do sector no que se atopan San Cristovo das Viñas, Feáns e Mesoiro. Nesta zona da Coruña o tecido urbano atópase con preexistencias do mundo rural sen que ata o de agora estas dúas realidades puidesen coexistir axeitadamente. Xurde así a reflexión sobre que características do hábitat rural deben de ser mantidas e potenciadas, e que estratexias se deben de xerar para as aproveitar, valorar e integrar dende unha perspectiva de cidade e vida contemporáneas.
Empregarase o mecanismo do proxecto e creación dunha área de hortas urbanas na zona como ferramenta de traballo para a integración, tanto a nivel físico como social e de uso, entre o urbano e o rural.
Esta actividade permitirá revalorizar uns terreos na actualidade abandonados ou sen uso e promove-la protección ambiental e de conservación de valores ecolóxicos, paisaxísticos e culturais. Búscase tamén promove-la creación e mantemento de espazos libres na cidade así como fomenta-la práctica da agricultura ecolóxica. Buscaranse estratexias participativas para a xestión das hortas das que poderán tomar parte tódolos habitantes da cidade interesados. Posibilitarase o desenvolvemento de tarefas educativas, de transmisión de coñecementos, así como a promoción de prácticas de produción para autoconsumo, de consumo responsable e xeitos de vida e alimentación saudable.
Se estás interesad@ contacta con nós en:
ou infórmate no blogue:
www.hortasnacidade.wordpress.com
.
desescribir
Ángel Rebollo 57 Baixo
15002 A Coruña
tlf / 881 888 259